O
noso rural non está condeado por unha maldición bíblica a
esmorecer lentamente nen a pauperizarse con mortes lentas e agónicas.
Acredito nuns entornos rurais con vida e cheos de diversidade,
biodiversidades e múltiples realidades. Vivencias e historias que
sempre estiveron abríndose ocos e tecendo alianzas dende, para e
polo rural.
Levamos
décadas de industrialización -e agora postindustrialización- que
só incita ao abandono das nosas aldeas (éxodo rural), ao
desmantelamento dos nosos sectores productivos básicos
(terciarización da economía) e ao afianzamento dun estilo de vida
monolítico que satura cidades e colapsa a vida (globalización).
Iste sistema urbanita despreza a (bio)diversidade, cousifica os
recursos de tod*s, negocia coas vidas das minorías e dos pobos, e
mercantiliza as identidades.
Dende
unha óptica ecofeminista internacionalista e soberanista só se pode
faguer un diagnóstico complexo e interseccional de tódalas
crises-estafas actuais. O capitalismo patriarcal colapsa o futuro no
eido mediambiental e enexértico; no eido alimentar e cultural.
Estamos ante unha forma de xestionar o local e o global que aliena
aos individuos e individualiza aos colectivos humanos.
Despatriarcalizalo
todo dende unha óptica anticapitalista e posturbana parece o máis
axeitado, xusto e democrático. Faguer unha aposta clara por un
municipalismo aberto e participativo no que tódalas identidades
teñan voz propia e capacidade de decidir; unha verdadeira democracia
feminista na que as persoas LGTBIQ+ poidamos ser suxeitos activos do
deseño, implementación e xestión de hábitats vivíbeis e ceibes
de violencias. A diversidade afectivo-sexual, ecolóxica e cultural
ten que estar no centro das axendas, dos discursos e dos eixos de
actuación.
(Re)volta
escrébese con R de retorno e regreso: voltar á terra para
despatriarcalizalo todo
O
mesmo sistema que xestionou o éxodo rural, non vai incentivar o
éxodo urbano que ha de vir. Iso está claro e temos que telo moi
claro. Faguer habitábeis, con futuro e diversas as nosas aldeas non
é un plan que entre na axenda urbanita. Destecer o tecido pola
globalización non interesa a aquiles que levan décadas anunciando a
bombo e platillo a agonía do agro, a pesca e o estivo de vida rural.
As
persoas LGTBIQ+ temos o reto e utopía de faguer das nosas plumas,
afectos e particularidades verdadeiros estandartes de apoio mutuo,
encontro e revitalización. Dinamización de aldeas e parroquias non
LGTBfóbicas e construción de relacións micropolíticas baseadas no
coidado, o afecto e a salvagarda do noso patrimonio material e
inmaterial.
É
por isto que paso a detallar dez aspectos básicos destas
(re)voltas agro-sexuais que se deron, producen e multiplicarán a
medio prazo:
1-
Pór os coidados e o Bo vivir no centro da xestión local e a
parroquia.
2-
Traballar intensamente por dinamizar, recuperar e producir patrimonio
material e inmaterial.
3-
Abordar de xeito comunitario e cooperativo tódalas diversidades e
biodiversidades.
4-
Crear e difundir referentes alternativos aos urbanitas e consumistas.
5-
Despatriarcalizar todo eido social ou dinámica micropolítica na que
estemos inmers*s (linguaxe, estruturas de poder, etc.)
6-
Loitar contra a ruralfobia, o autoodio e as actitudes clasistas.
7-
Afondar na confraternización, a defensa dos bens comunais e o
eco-pacifismo de esquerdas.
8-
Artellar unha coeducación rural que desencadene alianzas entre o
ensino formal, non formal e informal.
9-
Defender a soberanía alimentar, os circuitos cortos de
comercialización e a economía local.
10-
Transversalizar as neorruralidades e as diásporas á hora de
implementar accións ou xerar discursos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario