Artigo publicado en Galicia Confidencial o 21/03/2014
O
FMI e o Banco Mundial sempre azuzaron e argumentaron a prol da
imprescindible necesidade de urbanizalas poboacións: edificios
grandes, barrios grandes, cidades grandes, sociedades grandes...
Falocracia urbanística e acumulativa do capital patriarcal que
aspira a asfaltalas nosas vidas e invadirnos con cemento. Ise é o
mandato globalizador que vende progreso misturado cun urbanismo
salvaxe.
Estamos
ante unha obsesión ultraliberal enfermiza que non é nova, ben certo
é que se agudizan dende a Guerra Fría os eixos de actuación
orientados a poñelo acento en descapitalizalos territorios
(expropiación dos recursos naturais, asfixia dos saberes locais,
transxénicos, etc.), privatizalos servizos públicos básicos
(educación, sanidade, pensións, políticas activas de emprego,
etc.) e precarizala vida cotián das clases populares (salarios,
dignidade, benestar, etc.). En definitiva, privatizar a esfera do
doméstico e do cotián, o alimento e as condicións ecolóxicas que
garantizan un mínimo nivel de benestar, obviar os ciclos ecolóxicos
e darlle a espalda a ecosostenibilidade.
Diste
xeito, a principal misión do capitalismo patriarcal é re/matar cos
entornos rurais (éxodo rural e descapitalización de sectores
produtivos estratéxicos) para que as clases populares se concentren
ao redor dos grandes núcleos urbáns (incremento do exército de
reserva, mau de obra barata máis mansa, dependencia total pra
subsistir, maior facilidade para o adoutrinamento, videovixilancia e
control dos corpos, etc.)
Esta
misión estructural do capitalismo patriarcal non podería
implementarse se non é grazas a un conxunto de doutrinas, teorías,
lobbies, micropolíticas e resortes neoliberais que habitan no seo
das institucións internacionais artellando e expandindo un proceso
homoxeneizante no económico, sociopolítico e cultural: unha
globalización urbanita e ecocida.
Iste
clasismo urbanita tacha á ruralidade de anacoreta, desfasada e
retrasada para a modernidade da humanidade, por iso se invaden - con
total impunidade - pobos e territorios para descohesionar, cercar,
recolonizar, explotar e despoboar.
Esta
globalización urbanita nunca deixou de replicar nos países do Norte
e recolonizar nos países do Sur, vendendo a idea de que o horizonte
para as potencias emerxentes está en expulsar a poboación rural das
aldeas, desplazar as comunidades orixinarias e indíxenas de valles e
espazos milenarios, malvender a auga e os recursos fósiles,
contaminar os montes e rematar coa soberanía alimentaria da
agricultura e a gandería ecosostible. Todo un sinfín de políticas
da morte desligadas do territorio, dos coidados e da vida; unha
axenda globalizadora que socializa a contaminación e a débeda da
banca, apoleirada de maneira soberbia nas estadísticas e os
macrodatos.
Esquecen
por tanto as micropolíticas do cotián, os coidados da vida e da
terra, as maus que tecen as relacións sociais e alimentando a
infancia e a xuventude. Ben sabemos que o PIB non contempla o valor
da biodiversidade, o patrimonio cultural, os coidados, a soberanía
alimentar, o benestar dos pobos e a paz... pero tampouco recoñece
(nin calcula) a pérdida da ruralidade, a desaparición das economías
locais e as súas implicacións, o patrimonio rural, o éxodo rural,
as consecuencias da descapitalización dos entornos rurais... O
capitalismo patriarcal fai a vista gorda e pasa do asunto. Todo
parece indicar que o único obxectivo é que as clases populares que
antes habitaban no rural e non dependían dos vaivenes dos mercados,
agora sexan sangría migratoria que habite no extrarradio de cidades
insostíbeis pra malvivir por debaixo do umbral da dignidade,
habitabilidade e benestar.
Actualmente
estamos a vivir procesos de despoboación histórica dos entornos
rurais, procesos demográficos de grande calado que se esquecen nas
ciencias sociais e non alarman o que deberían a sociólogas/os e
ministerios. Unha realidade crecente e alarmante que ata os propios
organismos internacionais anuncian entre a perplexidade e certa
cautela.
Dende
o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA) vense afirmando que
para o 2030 o 60.8% da poboación mundial residirá nas cidades e
entornos urbanos (extrarradios, poboamentos satélites das grandes
cidades, etc.) Unha taxa moi elevada que non fixo máis que subir a
partir de 1975 (37.3%), faguendo latente un fenómeno demográfico e
sociopolítico que reflexa unha grande concentración poboacional
urbana , grazas sobre todo a axenda económica do Banco Mundial e das
políticas neoliberais que propician e aplauden iste procesos
descapitalizadores.
Estamos
sen dúbida ante datos alarmantes que aínda son máis catastrofistas
se ollamos investigacións recentes do Departamento de Asuntos
Económicos e Sociais da ONU (DESA), as cales afirman que “a
poboación urbana mundial incrementarase nun 75% ao 2050”.
E
ben, continúa evolucionando e larvándose a sangría demográfica,
sociopolítica, económica e cultural ante a atenta mirada dos
actores sociais cómplices do colapso. Non para de sacralizarse como
óptimo o incremento constante da Taxa de Urbanización (“índice
demográfico que expresa a relación porcentual entre a poboación
urbana e a poboación total dun estado”). O capitalismo patriarcal
afirma que canta máis poboación urbana equivale e implica maior
nivel de desenvolvemento. ¿Ecuación obxetiva e inocente? ¿Máis
desenvolvemento pra quen?
As
políticas ultraliberais que fixeron do éxodo rural un estandarte
sociopolítico vense desbordadas a hora de garantir un espazo
habitable e unha vida digna para as desherdadas e desherdados que
chegan aos extrarradios das grandes cidades. Esgótanse as excusas,
esgótanse as fórmulas de fumo e os contos da globalización
urbanita.
A
situación de colapso demográfico é dramática: desprazadas/os por
falta de auga, políticas agrícolas nefastas, privatización das
sementes pola usura das multinacionais, asfixia das escolas rurais,
desempregadas/os pola introducción de transxénicos, marxinación de
saberes locais e culturas propias, gandeiras/os sen terreos pola
avaricia das hidroeléctricas, agricultoras/es sen espazo físico
polo cerco dos lumes e as industrias papeleiras, mozas/os en paro nas
aldeas pola ausencia de políticas activas de cohesión e
dinamización do rural, mulleres sabedoras e coidadoras sen unha vida
digna, cooperativas asfixiadas pola administración que as ignora,
ausencia de servizos públicos nos pequenos núcleos poboacionais,
etc.
Pero
claro, a cidadanía consciente diste proceso de descapitalización do
rural ten moitos roles claves para poder exercer; tanto na maneira de
habitar, consumir, producir, traballar, desprazarse e relacionarse. O
certo é que hai moitas maneiras de faguer micropolíticas dende o
cotián pra sumar forzas ao paulatino éxodo urbano que ten que vir,
pra reequilibrar tales despropósitos producidos por unha economía
artificial que non está ao servizo dos pobos e das persoas: das
necesidades reais das clases populares e dos ciclos ecolóxicos da
vida.
A
idea dun grande éxodo urbano como proceso global e interxeracional
cicais é moi ambicioso e complexo a corto prazo (polas propias
condicións sociopolíticas e económicas que xenerou a propia
globalización urbanita); pero o certo é que a longo prazo é máis
que necesario e desexábel. Un despoboamento progresivo e estructural
das cidades. Menos urbanidade e máis ruralidade/s.
Ao
mesmo tempo é
crucial seguir profundizando na transmisión a infancia e a xuventude
da relevancia do ecoloxismo social, recuperala soberanía plena nos
procesos de producción-consumo, desestigmatizar os prexuízos que
recaen sobre a ruralidade, reinventalos tempos e ciclos horarios,
recuperalo patrimonio antropolóxico e ecolóxico, a urxencia de
abordalo ecofeminismo e acadala igualdade real nos entornos rurais,
dinamizar cooperativas e proxectos de soberanía alimentar,
desfeminizalos coidados, habitar en pequenos núcleos poboacionais,
reinventalo activismo ecoloxista e a participación política,
potenciar o comercio local, tecer redes de apoio mutuo e coidados
compartidos, millorar a calidade de vida das persoas maiores no
rural, etc...
Un
grande desafío, pero temos moitas ferramentas nas nosas maus.
Micropolíticas alternativas ante esta globalización urbanita e
ecocida que soo busca faguer residual e inhabitable o rural a costa
de asfixiar o contexto ecolóxico.
Imos aceptar que se negue o direito a cultivar, crear, coidar, producir e habitar?
Imos quedar alienadas/os mentres se continúa a negar o direito a decidir e existir?


Ningún comentario:
Publicar un comentario