Crise
sistémica tras crise sistémica o campo non para de desagrarizarse,
descapitalizarse e desexualizarse. Sí, desexualizarse. Perdemos
mulleres mozas, persoas LGTBIQ, memoria inmaterial, saberes, ópticas,
proxectos de vida… Iste eterno éxodo rural non fai máis que
restar potencialidades ás nosas parroquias e musealizar a pasos
axigantados as aldeas de todo o país.
As
políticas capitalistas e urbanitas non fan máis que
repatriarcalizar os pequenos núcleos; atomizándoos entre sí e
desconectándoos das contornas próximas. A axenda da UE para o rural
redúcese a: negar a igualdade de oportunidades, afogar o crédito e
o aforro, e desmantelar os servizos básicos de proximidade.
O
heteropatriarcado capitalista non quere a Titularidade Compartida nas
explotacións agrogandeiras, nin Colexios Rurais Agrupados (CRA), nin
cooperativas que aposten polo decrecemento, nin outro xeito de
entender o lecer e os estilos de vida, nin labregas bravas nas xuntas
de comunidades de montes, etc. O status quo
quere aldeas-museo e comarcas-parque
temático. É decir: o rural como obxecto de consumo, mais non
como suxeito de acción política.
Pois
ben, eu creo nun rural despatriarcalizado, pluridiverso e
profundamente dinámico. Un espazo aberto e diverso onde as
retornadas teñan o direito a voltar, e onde as autóctonas non teñan
a obriga de saír. Penso en aldeas dignas interconectadas onde se
viva de xeito decrecentista; valorando o micropolítico por riba de
todo, equilibrando os ritmos sociais aos naturais, e salvagardando o
patrimonio material e inmaterial.
Eu
-retornado, feminista e activista LGTBIQ- soño con entornos de
cercanía onde non se faga negocio coas últimas etapas vitais das
nosas maiores; aldeas que non estén monopolizadas polos macrocentros
da terceira idade nin por proxectos desarraigados que fomenten a
dispersión das nosas avoas. As mulleres sabedoras teñen moito que
aportar no tecido comunitario; moita experiencia e moito contraste. A
posta en práctica dun ecofeminismo rural de base pón a
sostenibilidade da vida no centro do debate e ubica estas prioridades
no centro do taboleiro: cantos máis servizos comunitarios de
proximidade existan; maiores cotas de benestar, igualdade e xustiza
social para con as nosas nenas, mozas e maiores.
Nós,
as galegas que amamos o noso rural e temos vontade de resignificalo
dándolle vida, temos a ilusionante tarefa de artellar ise novo
espazo teórico-práctico que supón acoeducación rural. Ir
máis alá da didáctica igualitaria clásica que da as espaldas aos
entornos rurais e darnos a mau en torno ao ecofemininismo crítico, o
feminismo comunitario e o activismo LGTIBQ rural que há de vir.
Unha
axenda netamente micropolítica artellada dende a base e en contacto
coas organizacións veciñais e sociais de cada contorna rural.
Parroquia a parroquia até xerar dinámicas e espazos non
patriarcais; comarca a comarca até propiciar a xeración de novos
discursos e estructuras organizativas, de confluencia feminista, etc.
Compre habitar espazos, socializar vivencias e democratizar saberes.
Non
perdo a espranza nesta andainda de coeducar dende e para o rural.
Primeiro, porque é urxente e unha débeda histórica, e segundo
porque é viábel e sumamente motivante esta construción popular
micropolítica. O rural galego precisa dunha nova coeducación que
sente os pés na esfera do pequeño; recollendo vellas experiencias,
presentes propostas e novas ilusións.
Nós
-a ampla familia feminista que denunciamos a ruralfobia e o
desmantelamento dos nosos marcos vivencias e de convívio- temos que
abrazar a utopía de tecer unha constelación de propostas,
iniciativas e dinámicas feministas en chave rural. Non queda outra.
O rural será feminista ou non será. Será
transmaribibollero ou non existirá.
Pero
pra iso compre dignificar a cotianidade das minorías
afectivo-sexuais no espazo físico e simbólico da ruralidade; loitar
de xeito activo contra tódalas violencias que emanan das estructuras
do heteropatriarcado; e como non, pór en valor o grande aporte
fundamental da diversidade de xénero e afectivo-sexual ao ben
común de todas/os nós, ás nosas vidas e ao noso futuro porvir.
Publicado en Praza Pública

Ningún comentario:
Publicar un comentario