Páginas

martes, 11 de decembro de 2018

Gordofobia e plumofobia: dupla alianza sanguinaria


[Artigo publicado no xornal Adiante]


En novembro de 2017 saía á luz unha enquisa da revista Attitude que fixo estremecer a moites activistes LGBT mínimamente sensates. Cunha mostra poboacional de 5.000 lectores na enquisa salientábanse os seguintes resultados: o 71% dos entrevistados sufriron rexeitamento por parte doutros homes gais por ser afeminados; só un 29% vía as características afeminadas en homes gais como algo positivo; e o 41% pensaba que os homes afeminados danlle á comunidade gai unha mala imaxe e/ou pésima reputación. A todo isto chámase endohomofobia e ven a ser a homofobia internalizada que se foi inoculando aos pouquiños na comunidade marica. Un tipo de discriminación entre iguais que xerou unha estratificación meritocrática onde cada corporalidade marica é ubicada nun peldaño concreto e diferenciado. Elitismo e clasismo que encorseta, delimita e estigmatiza cada corpo e estética. Mais, por que aumentou o autoodio estético dentro do colectivo gai? Quen determinou que o corpo dun gai de ximnasio ten máis caché que o corpo dunha marica gorda? Quen establece que o corpo dun gai de apariencia masculina ten máis status que o corpo dunha marica afeminada?

Estamos ante unha triste realidade que non fai máis que enquistarse dentro da comunidade gai. A proliferación dunha homoplublicidade alienante, eventos como Mister Gai España ou a existencia dun cánon estético hexemónico son -entre outros elementos- os ingredientes básicos que configuran o fenómeno da homonormatización. Un proceso de estandarización gai que vai asociando unha serie de valores a cada expresión estética. Velaí a ditadura homonormatizadora que busca a reprodución a grande escala dun tipo concreto de corpo gai. A finalidade deste proceso de desbroce cultural é a estigmatización de corporalidades diversas e a discriminación de expresións estéticas que escapan da norma.

A gordofobia dentro da comunidade marica busca asexualizar corpos, estigmatizar estilos de vida, parodiar vestimentas, encorsetar barrigas, criminalizar lorzas e infantilizar opinións. Os comentarios gordofóbicos activan todo unha bateria de frases horribles que só buscan facerche ver que a culpa de todo é túa e que de ti depende ligar, socializar mellor e acumular máis éxitos nisto das artes amatorias: “se foses ao ximnasio ligarías máis”, “véseche achuchábel, mais o tema sexy...”, “eres majo, que pena que non te coides”, “co guapo que eres, imaxínate sen barriga...”, “jeje, si baixas algún kiliño avísame”, “a ver, feo non eres, pero...”, “carai, antes estabas tan ben...”, “pra ligar tes que darlle unha volta ao tema da imaxe”, etc. A gordofobia pode ter múltiples consecuencias na persoa que a sofre: baixa autoestima, conflictos co autoconcepto, autoodio, anorexia, bulimia, ansiedade, depresión, afastamento social, etc.

Logo temos outro tipo de endohomofobia moi extendida dentro da comunidade marica: a plumofobia. Básicamente pretende a rearmarización dos gais mediante a mutilación estética de aqueles elementos que “fagan pensar” ou “deixen entrever” que un é gai. Ousexa, a plumofobia criminaliza a visibilidade marica e erotiza o armario. Esta discriminación estética vai moi ligada á pasivofobia porque se asocia o feito de “ser afeminado” ou “parecer afeminado” con ser sensíbel, delicado, feminino, débil, pasivo e -por tanto- penetrábel. Isto vese moi a miúdo nas APPs de ligoteo ou nos espazos de homosocialización. Existe ao respecto toda unha chea de topicazos e slogans que aínda gozan de moita saúde: “busco pasivo sumiso”, “tan fraco e eres activo?”, “versátil? Pois non o pareces”, “mascXmasc”, “busco home fóra do ambiente”, “activo pra homes sen pluma”, “heterocurioso empotrador pra homes discretos”, “e con ese culazo non eres pasivo?”, “e con esa plumón que tes non eres pasivo?”, “eu son machote, buscaba algo que se complemente nese sentido”, “hombretón busca pasivazo”, etc.

Os estereotipos e prexuízos que emanan da gordofobia, da pasivofobia e da plumofobia constrúen roles binarios, mitos errados e expectativas fictícias que reducen á parodia máis absurda a diversa sexualidade marica. Unha panza asexualízate? A erotización dun determinado órgano acótate nun suposto rol? Ter pluma convértete nun ex-home? Non podemos permitir que a endohomofobia elitista e patriarcal catalogue como atractivo ou feo ou como erotizábel ou asexualizado múltiples corporalidades e infinitas formas de expresar as estéticas maricas.

Con gordofobia non hai Orgullo.
Con plumofobia non hai mariconeo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario