Moito
se tén teorizado e debatido nos últimos meses en torno ao termo,
corrente e movemento 'feminista comunitario'. Palestras, encontros e
xornadas que poñen o foco no que representa pra nós (feministas
occidentais) iste xeito de percibir, sintetizar e re-problematizar o
noso contexto cotián. O 'feminismo comunitario' preséntase novidoso
e dinámico nun contexto de crises sistémicas e violencias
co-relacionadas. Unha proposta indixenista, popular e mestiza que se
amosa en constante mutación; alleo a procesos de cousificación,
esencialismo ou academicismo.
O
activismo do feminismo comunitario é ar fresco procedente de Bolivia
e Guatemala, principalmente. Loitas antipatriarcais das mulleres dos
pobos orixinarios e campesiños. Mulleres afrodescendentes, LTBI
(Lesbianas, Trans*, Bisexuais e Intersexuais), ecoloxistas,
campesiñas, sindicalistas no agro e defensoras do Ben Común.
Pero,
¿qué o feminismo comunitario xurdise en América Latina implica que
nos pobos do Norte global é inviábel a existencia de axendas
comunitarias propias? ¿Hai na Galiza un feminismo comunitario
vivencial ou experiencial que non se asume nas coordinadas do
feminismo? ¿Fai falla ser muller orixinaria ou campesiña pra ser
feminista comunitaria? Moitos interrogantes sen dúbida.
A
defensa do comunitario na axenda local: o 'feminismo experiencial' da
micropolítica
Podemos
decir que estamos ante unha proposta teórico-práctica que se amosa
poliédrica, reticular e tendente a xerar dinámicas con raigame e
sentido de pertenza. É por iso que non hai un tipo de feminismo
comunitario, nen unha corrente feminista comunitaria que poida ser
hexemónica. Non esquezamos que unha das características máis
revolucionarias de esta óptica de pensamento/acción radica en que
cada eco-conflicto e minoría étnico/nacional é soberana no proceso
de producción do saber, organización da axenda local e
implementación da súa propia proposta. Neste sentido unha feminista
comunitaria xinka e aimara non comparten as mesmas cosmovisións,
termos e axendas incluso. O emancipatorio desta proposta radica no
seu carácter híbrido e micropolítico, sen dúbida.
Non
estamos ante emerxencias localistas que non teñan conexión e apoio
mutuo. De feito as particularidades de xénero e étnico-nacionais
non é obstáculo para que se artelle un paraugas do 'feminismo
comunitario' que faga fincapé nas cosmovisións ancestrais dos pobos
orixinarios, a armonía co entorno inmediato e a despatriarcalización
de tódalas esferas do cotián onde se re-produce a vida social
(fogar, comunidade, folklore, endoculturación, etc.)
Centrémonos
na estructura das matrioskas, dos círculos concéntricos ou das
espirais; do mesmo xeito se artellan as eco-dependencias, a cadena
global de coidados e as estruturas de poder capitalistas
heteropatriarcais. O feminismo comunitario resáltanos a idea de que
a lóxica neoliberal está en consonancia e perfecta asociación
simbiótica co heteropatriarcado e o antropocentrismo. O colonialismo
no centro da axenda imperialista, tendo ao masculinismo como base
material. Estamos ante alicerces antisoberanistas que teñen como
único obxectivo conquistar tódolos territorios de contrapoder
(corpo, hábitat e cultura).
Con
frecuencia a relación intensa que teñen as mulleres co entorno
ecolóxico e territorial fai que -en xeral- teñan un rol moi activo
na loita contra a megaminería, o agronecio, a industria de
transxénicos e celulosas, megaproxetos, empresas hidroeléctricas,
etc. Unha tarefa de coidados que tamén debe incumbir aos homes xa
que a sustentabilidade e futuro da nosa base material e inmaterial de
existencia non entende de diferencias por xénero.
O
feminismo comunitario pón o foco en que a soberanía debe estar no
centro da axenda socio-política pra esí poder loitar contra o
espolio, a cousificación e a mercantilización da biodiversidade, a
vida e o patrimonio. Unha defensa radical dos bens comúns de
propiedade compartida onde a democratización na xestión é elevada.
As feministas comunitarias -e moitas activistas rurais ainda non
asumidas feministas- defenden con uñas e dentes os saberes
populares, as linguas e as características propias que as define
como mulleres orixinarias, indíxenas ou pertencentes a pobos sen
estado.
Maristella
Svampa (2013) sentencia que moitas mulleres indíxenas, campesiñas
ou de nazóns oprimidas defenden as soberanías afectivo-sexual,
ecolóxica e territorial dos seus pobos sen perderse demasiado en
divagacións teóricas e conceptuais ('feminismo vivencial'). A
urxencia do inmediato non lles permite -en reiteradas ocasións-
deterse a reflexionar demasiado sobre a etiqueta coa que se
visibilizan no espazo e discurso; ou dende que corrente teórica
plantexan a defensa integral dos seus corpos e territorios. Máis alá
do proceso de 'asumirse' feminista, Svampa recalca que "las
mujeres no se reconocen como feministas de manera explícita, sino
que se empoderan en el marco de las luchas. La mujer, entonces,
resignifica la lucha respecto del hombre. Aparece un nuevo lenguaje
de valoración de los territorios, opositor a los lenguajes
cientificistas de los gobiernos y las empresas". [1] É na propia
dialéctica do contexto e praxis do eco-conflicto onde emerxen os
diversos debates epistemolóxicos non-academicistas.
A
Galiza local: xermolo dun 'feminismo comunitario' propio
No
País hai moitos exemplos de loitas agrarias, campesiñas e
medioambientais onde as mulleres teñen un rol activo e protagonista.
Ducias de eco-conflictos atravesados
por unha acción antipatriarcal micro ou evidente; mais sempre
presente e estructural. Galiza está regada por microrrealidades deconflicto eco-social con nome de muller; moita memoria coletiva
acumulada na que aldeas e parroquias lembran fazañas heroicas de
labregas bravas e campesiñas comunitarias. [2]
En
xullo de 1975 as mulleres da parroquia de As Encrobas ocuparon montes
comunais e no agosto de 1989 en Allariz foron protagonistas da
Revolta Veciñal artellando asembleas e poder popular. Mulleres de
parroquia e eco-dependentes de sistemas de producción local que se
mobilizan, coordinan, inciden e tecen redes de apoio mutuo.
Actualmente cabe resaltar a praxe eco-feminista vivencial que está
presente en moitos eco-conflictos do país: Sarria, Corcoesto, Laza
ou Ribeira Sacra -entre outros tantos-. Posíbelmente a axenda
feminista debería estar millor categorizada en termos identitarios;
pero o feito é que case tódolos movementos parroquias e de base
onde se defende a soberanía ecolóxica e territorial teñen as
mulleres galegas como eixo fundamental e vertebrador. Polo de agora
non tódalas activistas parroquias se asumen feministas, mais
tampouco moitas das persoas que defenden a soberanía territorial das
súas parroquias se asumen nacionalistas. Mais os obxectivos e a
conciencia eí están; sempre presentes faguendo raigame pra futuros
reflexións e asuncións individuais e coletivas.
Referencias bibliográficas
[1] Melissa Zenobi (2013). 'Maristella Svampa: megaminería, extractivismo y patriarcado'. La Haine. Dispoñíbel en: http://www.lahaine.org/mundo.php/maristella-svampa-megamineria-extractivi
[2] A Plataforma 'Non A-76 pola Ribeira Sacra' é un bo exemplo da alta participación das mulleres na defensa do ben común. A acción 'Happy Ribeira Sacra' é unha boa mostra diso: https://www.youtube.com/watch?v=BGPRIR31zuI



Ningún comentario:
Publicar un comentario