Páginas

luns, 4 de xuño de 2018

Válenos o concepto “homonacionalismo”?



[Artigo publicado no meu blogue de Praza Pública]

As nacións sen estado que loitan pola independencia nacional -ou simplemente reivindican o dereito a existir e decidir como pobo- empregan o nacionalismo (xeralmente de esquerdas) como ferramenta de emancipación nacional-popular nos seus respectivos territorios. O nacionalismo de esquerdas é, por tanto, un paraugas diverso onde calquera persoa con conciencia nacional se sinte interpelada á sumar co seu grao de area á causa liberadora dunha nación negada por unha metrópole. Moitas sabemos que ser nacionalista non é sinónimo de ser dereitoso, racista ou facha. Nin moito menos, máis ben todo o contrario. As nacionalistas galegas somos coñecedoras de que ser e actuar como nacionalista na Galiza implica ser antifascista, antiimperialista e solidaria coas causas xustas das minorías e das nacións sen estado que loitan polo seu futuro.

As nacións periféricas que padecen procesos de asimilación (ou extinción inducida) contan históricamente cun soberanismo, ou movemento soberanista, de corte democratizador que se ven nutrindo dende fai décadas das reflexións, achegas e compromisos de centos de mártires nacionalistas que entregaron as súas vidas polas liberdades individuais e nacionais. Exemplos de nacionalistas antifasticas hai a moreas en Gales, Euskal Herria, Escocia, Bretaña, Països Catalans, Córcega e, por suposto, Galiza, a nosa nación. Sobra dicir, por tanto, que nacionalismo non é sinónimo de racismo ou fascismo. Neste sentido compre estar sempre atentas a esta clarificación crucial para non caer en vaguedades, incertezas e inxustizas á hora de definir realidades e fenómenos sociopolíticos. Obviamente hai nacionalistas de dereitas, ninguén o nega. Aínda esí ollo, non esquezamos que hai moita xente de esquerdas que nega ser nacionalista, sentir unha nación e ter conciencia nacional mais cando chega a hora da verdade posiciónanse sen fisuras ao carón da metrópole que nega nacións minorizadas. Pois ben, chegadas a este punto só queda lanzar as seguinte reflexións:

Toda nacionalista que defenda a lingua, a cultura ou os sectores produtivos propios ten unha actitude ou conducta excluínte?
Toda nacionalista que milite na causa nacional dun país negado é xenófoba?
Toda nacionalista que loite pola independencia nacional do seu pobo é fascista?
Nacionalismo é sempre sinónimo de racismo? Non. Diso nada.

Entón, a quen lle interesa explotar e reforzar con brocha gorda este estigma sobre o termo “nacionalista”? Pois, obviamente, aos Estados que pretenden ser uninacionais e ás metrópoles que se benefician das relacións coloniais (espolio de materias primas e enerxía, españolización, militarización da zona, turistificación, desertización demográfica, etc.)

Pois ben, no 2007 Jasbir K. Puar lanza ao movemento LGBTIQ a proposta de termo “homonacionalismo” para referirse aos “procesos de certos poderes que se alinean coas reivindicacións do colectivo LGBTI co fin de xustificar posicións racistas e xenófobas, especialmente en contra do Islam e das persoas migrantes”. A intención deste termo, básicamente, é a de denunciar a hipocrisía, o pinkwashing e o fascismo que practica o Estado de Israel. Mais véñenme un cheo de interrogantes á cabeza. 

O termo “homonacionalismo” non pode chegar a ser impreciso e inxusto para con moitos movementos nacionalistas que son antiimperialistas e profundamente demócratas?

Moito me temo que o concepto “homonacionalista” cae como unha lousa despectiva sobre milleiros de nacionalistas LGBT que nin son xenofóbicos, nin son antidemócratas, nin son islamofóbicos. Todo parece indicar que para ser máis efectivas na denuncia do pinkwashing que practica o fascismo habería que empregar o termo “homofascismo” no canto de “homonacionalismo”.

Na Galiza houbo e hai centos de galeguistas, nacionalistas e independentistas LGBT que foron e somos pronfundamente internacionalistas e que entendemos que coa construción da nosa República e do noso Estado propio seremos máis efectivas e máis fortes no panorama internacional para seguir combatendo de xeito máis óptimo o fascismo, o capitalismo e o patriarcado. Entendemos que conciencia nacional é sinónimo de rebeldía e que nación é sinónimo de país vivo e cun futuro. Para moitas de nós ser “nacionalista” non é un insulto nin algo do que sentir vergoña. Moita xente entende que só dende un movemento nacionalista de corte nacional-popular (amplio, diverso e de base) poderemos seguir existindo como nación e estreitando lazos fraternos con outros pobos en loita. Na Galiza unha liberación sexual que non implique liberación nacional non é unha liberación integral total. 

As nacionalistas e independentistas galegas loitamos por conquerir máis cotas de soberanía sobre nós mesmas, non contra ninguén. Exercer o dereito a decidir para mudalo todo, non para eternizar un statu quo negador de diversidades e dereitos. Por iso, cando se empregue o termo “homonacionalista” para denunciar o “homofascismo” compre ter moito tacto, xa que podemos invisibilizar e estigmatizar a ducias de movementos nacionalistas que loitan polo dereito a ser, a existir e a decidir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario