Páginas

venres, 5 de xullo de 2019

18 referentes sexodisidentes da loita LGBTIQ+



🔻Sylvia Rivera (1951-2002)
Protagonista central nos disturbios do Stonewall Inn aquela noite de 28 de xuño de 1969. Dixo a mítica frase: "Non me quero perder nin un intre disto. É a revolución!". Foi co-fundadora do "GLF (Gay Liberation Front)", da "GAA (Gay Activists Alliance)" e do colectivo "STAR (Street Transvestite Action Revolutionaries").

🔻Eduardo Blanco Amor (1897-1979)
En 1933 coñece a Federico García Lorca en Madrid e en 1959, no exilio, publica "A Esmorga". Coa súa obra fotográfica e narrativa comprometidas senta as bases do activismo LGBT galego dos anos 70 e 80.

🔻Marsha P. Johson (1945-1992) 
Protagonista fundamental a noite do 28X no Stonewall Inn. Xunto con Sylvia Rivera tamén foi co-fundadora do colectivo "STAR (Street Transvestite Action Revolutionaries)". Participou na organización ACT UP. En xullo de 1992, despois dun Orgullo, foi asasinada e o seu corpo apareceu no río Hudson (nunca se investigou a súa morte).

🔻Sonia Rescalvo Zafra (1946-1991)
Transexual asasinada por un grupo de neonazis no parque da Ciudadela no ano 1991 (distrito de Ciutat Vella, Barcelona). A comezos dos 90 o asasinato de Sonia encheu portadas e telexornais, este terríbel asasinato puxo no foco a transexualidade. A realidade das persoas trans deixou de ser invisíbel pra os medios.

🔻Gisberta Salce Junior (1961-2006)
Transexual brasileña salvaxemente asasinada en Portugal no ano 2006. Foi violada en grupo, asasinada e botada a un pozo. Este brutal suceso revolucionou o activismo LGBT portugués e as conciencias do país veciño.

🔻Mark Ashton (1960-1987) 
Foi activista gai do PCGB (Partido Comunista de Gran Bretaña) e fundou o famoso colectivo "Lesbians and Gays Support the Miners (LGSM)". Era unha organización LGBT de solidariedade obreira cuxo obxectivo era apoiar aos mineiros na folga de 1984 e 1985 en Gran Bretaña.




🔻 Martha Shelley (1943)
Activista lésbica que tivo un papel central no 28X do Stonewall Inn. Nos meses posteriores funda xunto a Michael Brown, Jerry Hoose e Jim Owles a organización "Gay Liberation Front (GLF)". A finais dos 60 crea o programa de radio "Lesbian Nation". E en 1970 lanza "Ameaza Violeta", un dos primeiros comités de lésbicas radicais dos EEUU.

🔻 Larry Kramer (1935)
En 1980 funda "Gay Men's Health Crisis (GMHC) e en 1987 crea a organización "AIDS Coalition to Unleash Power (ACT UP)". 

🔻 Pedro Lemebel (1952-2015)
Activista marica pioneiro na noita LGBT en Chile. En 1987, xunto a Francisco Casas, funda o dúo artístico "Las Yeguas del Apocalipsis", un proxecto de performance drag queen antifascista e antiimperialista. Realizan intervencións artísticas en multitude de actos políticos. En 1996 publica "Loco afán: crónicas de sidario" e no 2001 sáe á luz a súa primeira novela "Tengo miedo torero".

🔻 Lohana Berkins (1965-2016)
No ano 1994 fundou a "Asociación de Loita pola Identidade Travesti e Transexual (ALITT)". En 2008 liderou a creación da "Cooperativa Textil Nadia Echazú", a primeira escola cooperativa pra travestis e transexuais de Arxentina. En 2010 conformou a "Fronte Nacional pola Lei de Identidade de Xénero". Esta lei pioneira en América Latina foi finalmente aprobada polo parlamento arxentino o 9 de maio de 2012.

🔻 Anne Kronenberg (1954)
Activista lésbica. Foi a directora de campaña de Harvey Milk e a artífice de relanzar a campaña de Milk na búsqueda dun asento na Xunta de Supervisores en 1977 en San Francisco. O seu traballo como axitadora, dinamizadora e coordenadora de equipos de traballo LGBT foi central pra o nacemento do movemento LGBT en California. Foi directora do Consello de Xustiza Criminal da Alcaldía de San Francisco no período 1991-1994. Posteriormente, en 1998 comezou a presidir a Xunta de Supervisores de San Francisco.

🔻 José Pérez Ocaña. "Ocaña" (1947-1983)
Anarquista andaluz. Performer gai. Drag queen. Pintor. Foi mítica a súa actuación nas Xornadas Libertarias Internacionais da CNT no 1977 en Barcelona. Realizou dúcias de performances polas Ramblas de Barcelona, cadros e esculturas. É un dos fundadores do movemento LGBT catalán.



🔻 Stormé DeLarverie (1920-2014)
Activista lesbiana pioneira en empregar o término “butch”. Afrodescendente. Performer drag king. Actuou varias veces no Teatro Apollo de Harlem. A noite do 28X no Stonewall Inn sufriu un porrazo na cabeza e despois foi trasladada ao furgón policial. Dixo a mítica frase: “Por que non facedes algo?”. Foi membra da Asociación de Veteranos de Stonewall. Nos anos 80 e 90 traballou como porteiras en varios bares de lesbianas de Nova Iorque. Fomentou a autodefensa lésbica nas rúas. Foi bautizada como a “Rosa Parks da comunidade LGBT”.

🔻 Miss Major Griffin-Gracy (1940)
Activista trans e negra que estivo no bar Stonewall Inn a noite dos disturbios. Foi detida e partíronlle a mandíbula na comisaría aquel 28 de xuño de 1969. A raíz de diversas montaxes policiais estivo cinco anos na cadea. En 1978 comezou a traballar nun banco de alimentos local e axudaba a mulleres trans sen teito ou que estaban na cadea. En 2003 participa de xeito moi activo en San Francisco no  “Proxecto de Xustiza TGI (TGIJP)”, organización que traballa contra os abusos aos dereitos humans das personas trans e intersex, especialmente os das mulleres trans negras que se atopan nas cadeas e en centros de detención de California.

🔻 Craig L. Rodwell (1940-1993)
Activista gai. Foi parella de Harvey Milk en 1962 e no 1966 súmase a unha campaña da organización LGBT “Mattachine” nun bar do barrio neoiorquino Greenwich Village para protestar polo dictame da Autoridade de Licores do Estado de Nova Iorque na que se prohibe a venda de alcohol ás persoas LGBT. Será en 1967 cando funde a ”Oscar Wilde Memorial Bookshop”, a primeira libraría LGBT dos EEUU.  Nese mesmo ano involúcrase na organización gai “Homophile Youth Movement in Neighborhoods (HYMN)”. 

🔻 Brenda Howard (1946-2005)
Activista bisexual. Participou nas mobilizacións contra a guerra de Vietnam e nas organizacións “Gay Liberation Front (GLF)” e “Gay Activists Alliance” (GAA). O 28 de xuño de 1970, no 1º aniversario da revolta do Stonewall, co-organizou o “The Christopher Street Liberation Day”, ou o que é o mesmo, a primeira marcha do Orgullo. Partiron dende o bar Stonewall Inn até Central Park. En 1987 colaborou na formación de “New York Area Bisexual Network (NYABN)”, das primeiras redes de activistas bisexuais  dos EEUU. No ano 1989 formou parte do “The Bisexual Political Action Committee (BiPAC)”. Un grupo político creado en 1989. En 1993, nun hito sen precendentes, conseguiu meter a “B” no manifesto e marcha do Orgullo de Washington.

🔻 Shangay Lily (1963-2016)
Activista marica. Escritor. Actor. Pioneiro da cultura drag queen no estado español. Nos 90 colaborou na organización do mítico "Shangay Tea Dance", das primeiras festas LGBT que existían por aquel entón. Participou na primeira etapa da revista-fanzine "Shangay Express", primeira publicación gai de balde de tirada estatal. Shangay Lily foi dos primeiros en amosar abertamente a súa homosexualidade na tele, concretamente en programas como "Esta noche, sexo" (Antena 3, 1994) ou "Esta noche cruzamos el Mississippi" (Telecinco, 1994). Escribiu, dirixiu e protagonizou a película "Santa Miguel de Molina" (2005), unha ácida denuncia sobre a apatía da comunidade gai e a indiferenza das persoas LGBT hacia as referentes históricas da loita sexodisidente. En outubro de 2007 estrea a súa obra de teatro "Burgayses", unha sátira do aburguesamento da élite gai. No 2016 publícase o seu último libro: "Adiós, Chueca: memorias del gaypitalismo. La creación de la marca gay".

🔻 La Otxoa (1947)
Primeiro drag queen do estado español. Foi detido en varias ocasións nos anos 60 pola aplicación da "Lei de Vagos e Maleantes". En 1979, nas festas da Semana Grande de Bilbao, cantou "Libérate", considerado nos anos 80 o himno do activismo LGBT.


mércores, 26 de xuño de 2019

Obradoiro "Gordofobia e consumismo: como sobrevivir á ditadura gaipitalista", o 3 de xullo nas IV Xornadas LGTBIQ+ de Vigo



No obradoiro “Gordofobia e consumismo: como sobrevivir á ditadura gaipitalista?” abordaremos como nos afecta o capitalismo rosa e o pinkwashing ás transmaribibolleras das capas populares. Apoiarémonos no visionado de vídeos e imaxes pra analizar dende unha óptica de clase como a publicidade tenta moldear os nosos corpos e prácticas sexodisidentes. 

O modelo gaipitalista é compatíbel coa vida? Estamos a tempo de reconstruír de xeito comunitario unha sexodisidencia que escape do consumismo? Como potenciar modelos e referentes LGBTIQ que non estén mediatizades pola lóxica do mercado e do españolismo? Como tecer identidade LGBTIQ galega e en chave de país? 

Todos estes interrogantes, e moitos máis que xurdan no plenario, serán traballados en pequenos grupos pra posteriormente ser debatidos de novo en plenario e finalmente poder construír o borrador dun “decálogo anticapitalista LGBTIQ+”.





martes, 11 de decembro de 2018

Gordofobia e plumofobia: dupla alianza sanguinaria


[Artigo publicado no xornal Adiante]


En novembro de 2017 saía á luz unha enquisa da revista Attitude que fixo estremecer a moites activistes LGBT mínimamente sensates. Cunha mostra poboacional de 5.000 lectores na enquisa salientábanse os seguintes resultados: o 71% dos entrevistados sufriron rexeitamento por parte doutros homes gais por ser afeminados; só un 29% vía as características afeminadas en homes gais como algo positivo; e o 41% pensaba que os homes afeminados danlle á comunidade gai unha mala imaxe e/ou pésima reputación. A todo isto chámase endohomofobia e ven a ser a homofobia internalizada que se foi inoculando aos pouquiños na comunidade marica. Un tipo de discriminación entre iguais que xerou unha estratificación meritocrática onde cada corporalidade marica é ubicada nun peldaño concreto e diferenciado. Elitismo e clasismo que encorseta, delimita e estigmatiza cada corpo e estética. Mais, por que aumentou o autoodio estético dentro do colectivo gai? Quen determinou que o corpo dun gai de ximnasio ten máis caché que o corpo dunha marica gorda? Quen establece que o corpo dun gai de apariencia masculina ten máis status que o corpo dunha marica afeminada?

Estamos ante unha triste realidade que non fai máis que enquistarse dentro da comunidade gai. A proliferación dunha homoplublicidade alienante, eventos como Mister Gai España ou a existencia dun cánon estético hexemónico son -entre outros elementos- os ingredientes básicos que configuran o fenómeno da homonormatización. Un proceso de estandarización gai que vai asociando unha serie de valores a cada expresión estética. Velaí a ditadura homonormatizadora que busca a reprodución a grande escala dun tipo concreto de corpo gai. A finalidade deste proceso de desbroce cultural é a estigmatización de corporalidades diversas e a discriminación de expresións estéticas que escapan da norma.

A gordofobia dentro da comunidade marica busca asexualizar corpos, estigmatizar estilos de vida, parodiar vestimentas, encorsetar barrigas, criminalizar lorzas e infantilizar opinións. Os comentarios gordofóbicos activan todo unha bateria de frases horribles que só buscan facerche ver que a culpa de todo é túa e que de ti depende ligar, socializar mellor e acumular máis éxitos nisto das artes amatorias: “se foses ao ximnasio ligarías máis”, “véseche achuchábel, mais o tema sexy...”, “eres majo, que pena que non te coides”, “co guapo que eres, imaxínate sen barriga...”, “jeje, si baixas algún kiliño avísame”, “a ver, feo non eres, pero...”, “carai, antes estabas tan ben...”, “pra ligar tes que darlle unha volta ao tema da imaxe”, etc. A gordofobia pode ter múltiples consecuencias na persoa que a sofre: baixa autoestima, conflictos co autoconcepto, autoodio, anorexia, bulimia, ansiedade, depresión, afastamento social, etc.

Logo temos outro tipo de endohomofobia moi extendida dentro da comunidade marica: a plumofobia. Básicamente pretende a rearmarización dos gais mediante a mutilación estética de aqueles elementos que “fagan pensar” ou “deixen entrever” que un é gai. Ousexa, a plumofobia criminaliza a visibilidade marica e erotiza o armario. Esta discriminación estética vai moi ligada á pasivofobia porque se asocia o feito de “ser afeminado” ou “parecer afeminado” con ser sensíbel, delicado, feminino, débil, pasivo e -por tanto- penetrábel. Isto vese moi a miúdo nas APPs de ligoteo ou nos espazos de homosocialización. Existe ao respecto toda unha chea de topicazos e slogans que aínda gozan de moita saúde: “busco pasivo sumiso”, “tan fraco e eres activo?”, “versátil? Pois non o pareces”, “mascXmasc”, “busco home fóra do ambiente”, “activo pra homes sen pluma”, “heterocurioso empotrador pra homes discretos”, “e con ese culazo non eres pasivo?”, “e con esa plumón que tes non eres pasivo?”, “eu son machote, buscaba algo que se complemente nese sentido”, “hombretón busca pasivazo”, etc.

Os estereotipos e prexuízos que emanan da gordofobia, da pasivofobia e da plumofobia constrúen roles binarios, mitos errados e expectativas fictícias que reducen á parodia máis absurda a diversa sexualidade marica. Unha panza asexualízate? A erotización dun determinado órgano acótate nun suposto rol? Ter pluma convértete nun ex-home? Non podemos permitir que a endohomofobia elitista e patriarcal catalogue como atractivo ou feo ou como erotizábel ou asexualizado múltiples corporalidades e infinitas formas de expresar as estéticas maricas.

Con gordofobia non hai Orgullo.
Con plumofobia non hai mariconeo.



luns, 4 de xuño de 2018

Válenos o concepto “homonacionalismo”?



[Artigo publicado no meu blogue de Praza Pública]

As nacións sen estado que loitan pola independencia nacional -ou simplemente reivindican o dereito a existir e decidir como pobo- empregan o nacionalismo (xeralmente de esquerdas) como ferramenta de emancipación nacional-popular nos seus respectivos territorios. O nacionalismo de esquerdas é, por tanto, un paraugas diverso onde calquera persoa con conciencia nacional se sinte interpelada á sumar co seu grao de area á causa liberadora dunha nación negada por unha metrópole. Moitas sabemos que ser nacionalista non é sinónimo de ser dereitoso, racista ou facha. Nin moito menos, máis ben todo o contrario. As nacionalistas galegas somos coñecedoras de que ser e actuar como nacionalista na Galiza implica ser antifascista, antiimperialista e solidaria coas causas xustas das minorías e das nacións sen estado que loitan polo seu futuro.

As nacións periféricas que padecen procesos de asimilación (ou extinción inducida) contan históricamente cun soberanismo, ou movemento soberanista, de corte democratizador que se ven nutrindo dende fai décadas das reflexións, achegas e compromisos de centos de mártires nacionalistas que entregaron as súas vidas polas liberdades individuais e nacionais. Exemplos de nacionalistas antifasticas hai a moreas en Gales, Euskal Herria, Escocia, Bretaña, Països Catalans, Córcega e, por suposto, Galiza, a nosa nación. Sobra dicir, por tanto, que nacionalismo non é sinónimo de racismo ou fascismo. Neste sentido compre estar sempre atentas a esta clarificación crucial para non caer en vaguedades, incertezas e inxustizas á hora de definir realidades e fenómenos sociopolíticos. Obviamente hai nacionalistas de dereitas, ninguén o nega. Aínda esí ollo, non esquezamos que hai moita xente de esquerdas que nega ser nacionalista, sentir unha nación e ter conciencia nacional mais cando chega a hora da verdade posiciónanse sen fisuras ao carón da metrópole que nega nacións minorizadas. Pois ben, chegadas a este punto só queda lanzar as seguinte reflexións:

Toda nacionalista que defenda a lingua, a cultura ou os sectores produtivos propios ten unha actitude ou conducta excluínte?
Toda nacionalista que milite na causa nacional dun país negado é xenófoba?
Toda nacionalista que loite pola independencia nacional do seu pobo é fascista?
Nacionalismo é sempre sinónimo de racismo? Non. Diso nada.

Entón, a quen lle interesa explotar e reforzar con brocha gorda este estigma sobre o termo “nacionalista”? Pois, obviamente, aos Estados que pretenden ser uninacionais e ás metrópoles que se benefician das relacións coloniais (espolio de materias primas e enerxía, españolización, militarización da zona, turistificación, desertización demográfica, etc.)

Pois ben, no 2007 Jasbir K. Puar lanza ao movemento LGBTIQ a proposta de termo “homonacionalismo” para referirse aos “procesos de certos poderes que se alinean coas reivindicacións do colectivo LGBTI co fin de xustificar posicións racistas e xenófobas, especialmente en contra do Islam e das persoas migrantes”. A intención deste termo, básicamente, é a de denunciar a hipocrisía, o pinkwashing e o fascismo que practica o Estado de Israel. Mais véñenme un cheo de interrogantes á cabeza. 

O termo “homonacionalismo” non pode chegar a ser impreciso e inxusto para con moitos movementos nacionalistas que son antiimperialistas e profundamente demócratas?

Moito me temo que o concepto “homonacionalista” cae como unha lousa despectiva sobre milleiros de nacionalistas LGBT que nin son xenofóbicos, nin son antidemócratas, nin son islamofóbicos. Todo parece indicar que para ser máis efectivas na denuncia do pinkwashing que practica o fascismo habería que empregar o termo “homofascismo” no canto de “homonacionalismo”.

Na Galiza houbo e hai centos de galeguistas, nacionalistas e independentistas LGBT que foron e somos pronfundamente internacionalistas e que entendemos que coa construción da nosa República e do noso Estado propio seremos máis efectivas e máis fortes no panorama internacional para seguir combatendo de xeito máis óptimo o fascismo, o capitalismo e o patriarcado. Entendemos que conciencia nacional é sinónimo de rebeldía e que nación é sinónimo de país vivo e cun futuro. Para moitas de nós ser “nacionalista” non é un insulto nin algo do que sentir vergoña. Moita xente entende que só dende un movemento nacionalista de corte nacional-popular (amplio, diverso e de base) poderemos seguir existindo como nación e estreitando lazos fraternos con outros pobos en loita. Na Galiza unha liberación sexual que non implique liberación nacional non é unha liberación integral total. 

As nacionalistas e independentistas galegas loitamos por conquerir máis cotas de soberanía sobre nós mesmas, non contra ninguén. Exercer o dereito a decidir para mudalo todo, non para eternizar un statu quo negador de diversidades e dereitos. Por iso, cando se empregue o termo “homonacionalista” para denunciar o “homofascismo” compre ter moito tacto, xa que podemos invisibilizar e estigmatizar a ducias de movementos nacionalistas que loitan polo dereito a ser, a existir e a decidir.